Agrupación de Monterrei e Cualedro

Preténdese desenvolver un programa de acción voluntaria que permita o recoñecemento da experiencia das persoas maiores como catalizador para fomentar as iniciativas das persoas máis novas nos concellos de Monterrei e Cualedro. Para isto deséñanse actividades a desenvolver en grupos interxeracionais integrados por un sistema de parellas en que cada persoa voluntaria de 55 ou máis anos se encargará de titorizar a unha persoa voluntaria de entre 16 e 35 anos.

Nome do proxecto:

As oportunidades da memoria. Programa de voluntariado para a transmisión de saberes e a súa conservación dixital

Data de realización:

10/11/2022 a
30/07/2023

Lugar de realización:

Monterrei e Cualedro

Resumo:

A execución do programa permitirá ao tempo:
• A transmisión de saberes das persoas usuarias do programa de voluntariado ao propio equipo de voluntarios, residentes na zona.
• A preservación en diferentes formatos (audiovisual e dixital) desa mesma memoria recuperada: topónimos, lendas, fotografías antigas, etc.
• A apertura de novos campos de emprendemento que fomenten iniciativas futuras das persoas máis novas nos concellos de Monterrei e Cualedro.

Obxectivos

Mellorar a calidade de vida e benestar das persoas que se beneficien do programa e evitar o illamento e soidade mediante actividades de acompañamento (telefónico e domiciliario).
-Favorecer a comunicación e a participación activa, a través do fomento das relacións interpersoais e de encontros interxeracionais ofrecendo aos maiores uns espazos para intercambiar coñecementos e competencias, facilitando a transferencia do seu saber e experiencia.
Promover bolsas de emprego con persoas con formación e capacitación para atender as solicitudes detectadas na zona.
-Aproveitar a acción de acompañamento para a transmisión de saberes e experiencia desas mesmas persoas co fin de rexistrar e localizar potenciais zonas ou edificacións susceptibles de aproveitamento para finalidade turística, co seu envorcado final á esfera dixital.
-Fomentar o emprego de tecnoloxías da información e da comunicación.

POBOACIÓN BENEFICIARIA:

4140 persoas

Nº Persoas voluntarias:

42

Identificación de problemas:

Vista a singularidade poboacional dos concellos de Cualedro e Monterrei, cunha pirámide demográfica invertida e unha perda acelerada de poboación dende fins do pasado século, o programa deseñado pretende envorcar todo o saber acumulado pola maioría da poboación naqueles colectivos máis novos (entre 16 e 35 anos), empregando a poboación maior de 55 anos como mediadores entre ambas xeracións.
Trátase de mudar a percepción das persoas máis novas sobre o seu propio territorio co fin de inverter a tendencia demográfica vista, empregando os recursos cos que este mesmo municipio conta para fixar poboación e o desenvolvemento de actividades emprendedoras na zona. Deséñanse así unha serie de accións para realizar un mapa de recursos como nexo e as novas tecnoloxías como medio de recollida e análise de datos.

Nº horas de desempeño por parte de cada persoa voluntaria:

Cada persoa voluntaria dedicará un máximo de 6 horas por día de traballo voluntario a este proxecto.

Nº de días nos que participará cada persoa voluntaria:

O número de días totais do proxecto establécese en 60 xornadas, 50 destas dedicadas á tarefa de acompañamento e 10, intercaladas, ás de coordinación estratéxica e avaliacións parciais.

Orzamento Concedido:

36.000,00 €

Anualidade 2022

15.069,60 €

Anualidade 2023

20.930,40 €

Queres facer voluntariado?